Ferramentas: Pont-Up Store lanza o ‘tinder’ do emprendemento

Pont-Up Store Emprendemento e Innovación

Unha aplicación que permite ás empresas localizar e contactar con emprendementos afíns para iniciar relacións comerciais ou mesmo desenvolver unha joint venture, en función de criterios ou necesidades comúns. Esta é a novidosa ferramenta desenvolta por Feending baixo a supervisión da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e que será presentada mañá venres na Sala Multiusos do Teatro Principal de Pontevedra ás 18:00 horas, no transcurso da súa asemblea anual.

O director da asociación, Pedro Figueroa explica que no desenvolvemento úsase «en base aos datos do perfil de cada empresa asociada, empregando as funcionalidades dos algoritmos da IA e o big data, esta novidosa App enviaralle propostas para contactar con perfís que encaixen cos seus criterios, necesidades ou procuras. Por exemplo, se unha empresa marca no seu perfil que lle interesa vender en Portugal, a aplicación suxerirá contactar con outras empresas asociadas que vendan xa en Portugal ou teñan o mesmo interese«.


Tras unha demostración coas empresas asistentes á asemblea, o equipo seguirá traballando no desenvolvemento da implantación desta ferramenta para perfilar detalles e incorporar posibles melloras baseadas no feedback recibido tras esta proba, co obxectivo de lanzar a versión definitiva e incorporar a toda a súa comunidade na próxima edición do encontro de emprendemento Pont-Up Store en setembro.


Convenios vantaxosos con entidades e proveedoras
Na asemblea, a Asociación presentará tamén unha serie de alianzas marco con entidades do ecosistema emprendedor e tamén con proveedores de servizos des sectores como telefonía, asesoría, xestoría, banca… que permitan proporcionar ás empresas socias vantaxes en diferentes eidos do seu interese, posicionando á Asociación como un aliado estratéxico na interlocución coas iniciativas de emprendemento en Galicia.

Dentro dos acordos con entidades, o pasado marzo a Universidade de Vigo renovou o seu apoio para explorar novas vías de colaboración coa asociación, alén do encontro que cumpriu o ano pasado unha década de traxectoria, na que deixou un balance de 380 empresas participantes, máis de 170.000 visitantes e a organización de 300 actividades complementarias. Este mesmo mes asinouse tamén outro acordo coa Asociación de Empresarios de Pontevedra, Aempe para promover proxectos de emprendemento e innovación, e impulsar a internacionalización, ademais de fomentar estudos sobre as economías locais e sectoriais, e promover a igualade e responsabilidade social, de forma transversal. Con Espazocoop asinouse un convenio de colaboración para a promoción do cooperativismo, a economía social e o fomento do emprego. 

No que se refire aos convenios con proveedoras de servizos, con ABANCA as empresas asociadas terán á súa disposición produtos e servizos como as pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, confirming e avais. O documento tamén recolle as liñas de financiamento oficial do ICO, Igape e as SGR galegas, que o banco tramita con especial dilixencia. Así mesmo, as empresas asociadas poderán gozar das vantaxes que lles ofrece o Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar nos servizos bancarios máis habituais, e contarán cos servizos de banca electrónica, banca móbil, e TPV físico e virtual, entre outros. A compañía Talenom, que ofrece servizos de contabilidade e fiscalidade, laborais e legais, aplicará descontos á asociadas de ata un 10% habilitando un espazo online exclusivo para as empresas beneficiarias deste acordo co obxectivo é facilitarlles o día a día apostando polo asesoramento personalizado e o uso de ferramentas de xestión de negocio que permitan ter un maior control da empresa, e axudarlles no crecemento da mesma. Co operador galego de telecomunicacións R estase a avanzar nun convenio marco de colaboración para ofrecer o seu catálogo de produtos e servizos avanzados entre as empresas asociadas con condicións vantaxosas; e a consultora de modelos de negocio e marketing dixital Koompany ofrece o seu listado de servizos con descontos de ata o 20%.

Sesión networking con viño
Todos estes acordos así como o plan estratéxico ata 2027 serán presentados na asemblea da asociación. Ao remate haberá un viño participativo ofrecido polo Concello de Pontevedra que contará coa colaboración das Bodegas Altos de Torona.

A asociación conta neste momento con 187 empresas asociadas das catro provincias galegas e con representación tamén en Barcelona, Madrid e Lisboa. Dende o ano 2024 a Asociación para o Emprendemento e a Innovación: Pont-Up Store dirixe e organiza o encontro de emprendemento Pont-Up Store, substituíndo así ao desaparecido Grupo de Investigación G4 PLUS da universidade de Vigo.