O Pont-Up Store presentou hoxe a programación desta novena edición, centrada en axudar ás novas empresas galegas a desenvolver competencias que lles permitan madurar os seus emprendementos e iniciar o camiño da internacionalización.
O encontro arrancará en Pontevedra dentro dunha semana con actividades previas en distintos espazos da cidade e abrirá a carpa da Praza de España o venres 23 e sábado 24 con perto de 40 modelos de negocio que destacan pola innovación, a creatividade e a sustentabilidade.
Presentouse en Pontevedra o extenso programa de actividades que se vai desenvolver durante o Encontro de emprendemento Pont-Up Store en distintos puntos da cidade. Na presentación participaron Yoya Blanco Rial, concelleira de Promoción Económica e Igualdade do Concello de Pontevedra; Eva Lantarón Caeiro, vicerreitora do Campus de Pontevedra da UVIGO; Carlos López Font, deputado de Economía da Deputación de Pontevedra; e Pedro Figueroa Dorrego, director do Pont-Up Store, quen destacou o importante esforzo feito desde o comité organizador para ofrecer aos novos emprendementos axuda no desenvolvemento de competencias que «lles van servir para reforzar a calidade e a viabilidade dos seus negocios«. Figueroa explicou que o contexto no que naceron estes novos emprendementos (menos de 3 anos e medio de antigüidade) obrigounos a resistir a crise provocada pola Covid-19 ou a lidar con ela no seu arranque e «iso dificultou ou ralentizou a maduración do seu modelo negocio, por iso pensamos que este ano o Pont-Up debe prestarlles apoio neste sentido«. O director do encontro engadiu que «de xeito complementario queremos tamén presentarlles posibilidades para internacionalizarse na escala na que cada emprendemento poda asumilo e polo tanto haberá tamén varias sesión dedicadas a coñecer distintos programas e experiencias de internacionalización«.
Pola súa parte, a concelleira Yoya Blanco destacou a cantidade de emprendementos con liderado feminino, un 80%, e que tamén se traslada ás actividades do programa, onde das 70 persoas poñentes, 50 son mulleres. A este respecto, Pedro Figueroa apuntou que boa parte destas persoas xa participaron en edicións anteriores do Pont-Up Store e agora, cos seus emprendementos xa maduros, axudan a outras emprendedoras e emprendedores. A vicerreitora Eva Lantarón incidiu na importancia de «axudar ás novas empresas a incrementar as posibilidades competitivas e de internacionalización» e lembrou que o obxectivo do encontro é «converter a Pontevedra na capital das mellores iniciativas empresariais«. Neste sentido, animou a todas as persoas que se embarquen na emocionante aventura de empender a participar no programa de actividades, que nesta edición xa serán presenciais, pero que tamén se retransmitirán en streaming para facilitar a asistencia desde calquera lugar e que poderán ser consultadas no futuro, convertíndose nunha valiosa ferramenta para o ecosistema emprendedor. Por último, o deputado Carlos López Font asegurou que «o gran talento innovador da provincia necesita o espazo de promoción que o Pont-Up Store supón para o novo emprendemento«.
Mellorar competencias
O Pont-Up Store ofrecerá este ano máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, e máis da metade serán sesións destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas. Entre as competencias básicas, haberá sesións dedicadas ás posibilidades de financiamento na pequena empresa; ás axudas e subvencións; e á aceleración, dixitalización e neuromarketing para PEMEs. Con respecto ás competencias específicas, destacan as relativas ás empresas de economía social e dos emprendementos sostibles. De feito, a economía social é unha fórmula que vai en aumento entre os novos emprendementos ano tras ano. Nesta edición, o 12% das solicitudes presentadas correspondíanse con cooperativas. E máis alá, da da fórmula xurídica, a sostibilidade en todos os seus ámbitos tamén se consolida como un eixe transversal presente na maioría dos novos emprendementos que participan nesta edición. En total, vanse presentar 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que 4 desenvolverán actividades demostrativas na carpa e outras 4 participarán tamén no talent show Pont-Up Exprés, onde un total de 7 iniciativas empresariais presentarán as súas ideas de negocio ante un xurado composto por 4 representantes de importantes entidades e empresas galegas.
Consulta AQUÍ os emprendementos seleccionados
SKEIRRUM PONT-UP STORE
Adestrar as competencias emprendedoras a través dun xogo
Dentro das actividades programadas arredor do desenvolvemento de competencias emprendedoras, destaca nesta edición a proposta de Skeirrum, o primeiro escape room cultural ao aire libre de Galicia, que desenvolverá dentro do PONT-UP STORE unha experiencia especialmente deseñada para a cidade de Pontevedra.
Skeirrum é idea é de dúas mozas guardesas, Cintia Lomba e Erea Rodriguez, que lograron posicionar o seu proxecto como un dos máis valorados en dous importantes certames: o VIII Encontro Internacional de Mozos Emprendedores 2022 e a Revolta Rural, e que agora se vai presentar dentro do Pont-Up Store.
Un Street Scape é unha Escape Room ao aire libre, unha actividade que mestura a mellor parte de dous xogos ben coñecidos: o dinamismo das procuras do tesouro xunto coa lóxica e enigmas das escape rooms. Neste caso, a experiencia está dirixida a fomentar a cultura do emprendemento a través do coñecemento do patrimonio cultural e histórico da cidade de Pontevedra.
Unha persoa que decide emprender debe ser capaz de superar todos os retos que van xurdindo e adaptarse a un mundo en constante cambio para lograr éxito ao longo do seu camiño emprendedor. A experiencia plantexa a resolución de diferentes probas e enigmas que ofrecen a oportunidade de «simular» como é o día a día dunha persoa emprendedora. Trátase dun percorrido interactivo a través dos puntos máis emblemáticos da cidade, onde estarán escondidos uns códigos QR que as persoas participantes terán que atopar para acceder a través deles á unha aplicación web. Ao acceder á app atoparán diferentes enigmas e probas contextualizadas coa historia da cidade que terán que resolver para poder continuar.
Skeirrum Pontevedra ten como obxectivo fomentar o coñecemento da contorna pontevedresa dunha maneira singular e innovadora, ao tempo que se realiza actividade física e se desenvolven capacidades como a escoita activa, a comunicación asertiva ou a orientación. Para lograr o éxito, haberá que exercitar a capacidade analítica e de adaptación a unha situación en constante cambio; o control da presión e os nervios; a confianza nun mesmo e toma rápida de decisión; o traballo en equipo e o compañeirismo; a visión estratéxica e a comunicación non verbal.
A participación é gratuíta e só require un teléfono móbil e altas dose de imaxinación para resolver os enigmas e descubrir os segredos da cidade. Os grupos serán de entre 2 ata 6 persoas, que terán que rexistrarse na web: ENLACE DE INSCRICIÓN
Esta actividade está desenvolvida e financiada desde a direccion do Pont-Up Store e conta co apoio de Abanca, Gadis e o proxeccto europeo HEI4Future, no que participa a UVigo.
Emprender o camiño da internacionalización O encontro ofrecerá tamén a oportunidade de facer un primeiro achegamento ás posibilidades de internacionalización ao alcance dos novos emprendementos galegos. Serán un total de 4 sesións: unha dedicada a orientar a emprendedoras e emprendedoras sobre os primeiros pasos necesarios para a internacionalización, outra dedicada a presentar o proxecto europeo HEI4Future, do european Institute of Innovation & Technology, e outras dúas inseridas dentro do programa Ticket2Europe, que está xestionado desde a Cámara de Comercio de Santiago e que serán impartidas en inglés: Starting Up! dirixido a alumnado da Escola Valle Inclán que están a participar no programa Erasmus+; e International Opportunities for entrepreneurs que presentará as experiencias de varios emprendementos que están participando en programas internacionais. |
Un Erasmus para as persoas que emprenden Na sesión «oportunidades internacionais para o emprendemento», a técnico da Cámara de Comercio de Santiago, Belén Mendoza, presentará o programa europeo «Erasmus para Emprendedores». Este programa é unha iniciativa da Unión Europea que promove a actividade emprendedora mediante a aprendizaxe e a transferencia de coñecementos a través do intercambio transnacional de mozas e mozos emprendedores e tamén PEMEs. O programa creouse no ano 2009 e financiou xa máis de dez mil intercambios. A Cámara de Comercio de Santiago está a cargo da súa xestión ata o ano 2027, e será a responsable da xestión dun orzamento de 300.000 euros destinados a axudas neste novo período. Mendoza estará acompañada polo emprendedor ucraíno Antón Vynarchyk, que está facendo o seu intercambio de emprendemento no albergue «O refuxio de la jerezana» de Redondela dende o mes de xullo, Antón contará a súa historia de emprendemento e como o programa lle está a axudar para buscar unha alternativa de negocio. Este mozo, a quen sorprendeu o comezo da guerra fóra do seu país, tiña unha promotora musical en Kiev dende hai máis de tres anos e está vendo as opcións de poder ofrecer aquí en España un servizo similar que lle permita mover polos circuitos nacionais e europeos aos músicos que, coma el, están fora de Ucraína durante este período bélico. |
Un programa que abarca moitos máis ámbitos Ademais están previstas tamén actividades demostrativas na carpa impartidas por algunhas das empresas seleccionadas e case sempre en formato obradoiro. Tamén se desenvolverán como en edicións anteriores os obradoiros de R enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás. Dentro do ámbito do emprendemento social, poderemos coñecer de primeira man o labor que desenvolve a asociación solidaria ‘Publicitarios Implicados’, nacida para dar un servizo completo de comunicación publicitaria a micro-ONGs, plataformas de afectados ou colectivos solidarios, que non poden asumir os custes dunha axencia de publicidade. Nos seus 15 anos de traxectoria, puxeron en marcha 103 campañas, conseguiron 9 premios, lograron bater 3 récords do mundo, e realizaron un traballo por valor de 50.000.000€, sen cobrar nada. En canto ás accións de sostibilidade medioambiental, a empresa AirCO2, seleccionada para ocupar un dos stands da carpa da Praza de España, vai medir a pegada ecolóxica do encontro; e ademais, en colaboración coa concellería de Desenvolvemento Sostible do Concello de Pontevedra, levarase a cabo unha plantación de árbores. O Pont-Up Store é unha iniciativa da Universidade de Vigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, que representa a preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia. |
+Info: pontupstore.com