O evento de emprendemento máis importante do noroeste peninsular para a promoción das novas empresas Pont-Up Store traerá de volta a Pontevedra o talento e a innovación os días 19 e 20 de setembro cun programa no que se integrarán un total de 50 participacións empresariais, escollidas tras un difícil proceso de selección.
A organización recibiu este ano máis de 150 candidaturas que volven deixar dous datos moi claros sobre o ecosistema emprendedor galego: as empresas con base no rural, un 59,38%, volven destacar por riba das que se asentan nas cidades nun contexto moi innovador no que as mulleres lideran o 62,50% das candidaturas recibidas.
Canto as modalidades de participación, 32 empresas foron seleccionadas para contar cun stand na carpa da Praza de España e nalgúns casos tamén para realizar actividades demostrativas dos seus produtos ou servizos dentro do programa. Ademais, oito emprenementos van presentar modelos de negocio de alto potencial ao xurado da Pont-Up Venture mediante un pitch de 3 minutos que lles dará acceso a oportunidades de finaciamento.
· Un sistema para erradicar as reservas pantasma nos restaurantes
A empresa canguesa Masel presentará en setembro no Pont-Up Store unha ferramenta de xestión para hostelería con IA integrada que, ademais de axudar a reducir mermas en cociña e barra, integra unha app para camareiros e clientes e un sistema de reserva de mesas que minimiza o impacto das temidas ausencias ás que se enfronta o sector nos últimos tempos.
· Serenia, a asistente virtual galega deseñada para coidar e entreter a persoas maiores
A empresa de Moaña, Serenia Solutions SL enfoca as súas innovadoras solucións tecnolóxicas innovadoras ao coidado e benestar das persoas. O produto co que se presenta nesta edición do Pont-Up Srtore é unha asistente virtual orientada a persoas maiores e seniors que ofrece acompañamento e entretemento ao mesmo tempo que monitoriza distintos aspectos da saúde, como a ansiedade, a depresión ou o deterioro cognitivo, a partir das conversas. As interaccións cos usuarios son supervisadas pola IA na procura de posibles indicios de problemas de saúde cognitiva ou emocional ofrecendo así un valioso servizo de prevención e coidado da saúde.
· Un Uber para tractores
Agrolistik é unha aplicación que pon en contacto a propietarios de leiras con tractoristas e outras persoas do sector forestal, solucionando o problema que supón atopar a alguén disposto a limpar unha leira. O equipo impulsor desta proposta, nacida en Sanxenxo ao amparo da empresa Agro4Impact, aspira a converterse no sector agrícola e forestal o que Uber é aos coches. Trátase dunha startup tecnolóxica spin-off da Universidade de Vigo que se desenvolveu con axuda dos fondos IGNICIA da Xunta e actualmente está xa monetizando cos primeiros contratos relevantes.
· Leite infantil de vacas galegas
Tamén se presentará PROA2 Care, un leite de inicio para lactantes elaborado con leite 100 % A2 procedente de vacas galegas das razas Holstein e Jersey en réxime de pastoreo. Esta formulación innovadora mellora a dixestibilidade e achega a composición da fórmula á do leite materno. Adicionalmente, intégranse ingredientes premium seleccionados a partir de investigacións previas do equipo da USC, como probióticos e subprodutos valorizados da industria láctea. Ademais, escolleuse un perfil lipídico inspirado no leite de nais con patróns dietéticos saudables, reducindo o uso de aceites vexetais. A previsión é comercializar a mediados do 2026. No Pont-Up Store contarán cun espazo onde resolverán dúbidas das familias e ofrecerán mostras deste produto desenvolvido pola empresa de Lugo PROA2 Health, pioneira en Galicia, xurdida dun grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela con máis de 10 anos de experiencia en nutrición e no desenvolvemento de alimentos seguros e saudables.
Estas son só algunhas das 40 iniciativas que acudirán a Pontevedra en setembro para presentar as súas ideas de negocio. A innovación aplicada a sectores como o agroalimentario, o enerxético ou a cosmética natural e varias propostas de artesanía e deseño con alma galega e vocación sostible completan a lista de seleccionadas para unha nova edición que converterá a Pontevedra unha vez máis na capital do emprendemento galego.













































































































