O Pont-Up Store conecta investimento, coñecemento e territorio para impulsar o novo emprendemento galego

A XIII edición do encontro inaugurará a actividade do novo Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo cunha xornada arredor da economía social e a intercooperación.

PONT-UP Store

O Pont-Up Store converterá de novo Pontevedra na capital galega do emprendemento entre o 11 e o 12 de setembro, cunha décimo terceira edición que reforza a súa vocación como espazo de conexión entre novas empresas, universidade, investimento, institucións e territorio.

A programación foi presentada no Concello de Pontevedra coa participación da concelleira de Promoción económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez Artime; a vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Marián Fernández Villarino; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa Dorrego.

O encontro chega á súa nova edición despois de recibir 151 candidaturas, das que foron seleccionados 48 proxectos: 33 ocuparán stands na Praza de España, sete desenvolverán actividades demostrativas e oito presentarán os seus modelos de negocio no Pont-Up Venture. Unha selección que confirma algunhas das tendencias que o Pont-Up vén detectando como termómetro do emprendemento galego: o 69 % das iniciativas están lideradas por mulleres e o 47 % proceden do rural ou de pequenas vilas, ao tempo que aumenta a presenza de proxectos tecnolóxicos e de spin-off universitarias.

Pedro Figueroa destacou durante a presentación que estes datos permiten constatar «unha evolución cara a proxectos máis maduros, máis especializados e cunha maior base tecnolóxica, pero tamén unha diversificación territorial moi interesante». Para o director do Pont-Up, «o reto é conectar ese talento coas ferramentas que necesita para medrar: coñecemento, financiamento, redes, mercado e colaboración. Esa é precisamente a filosofía que atravesa o programa deste ano».

O Pont-Up inaugura a actividade no novo Centro Maruxa Mallo
A principal novidade chegará antes da apertura dos stands na Praza de España. O programa arrancará o xoves 10 de setembro no novo Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo, onde o Pont-Up Store compartirá o espazo Olga Amoedo Cabrera con EspazoCoop e Culturgal, nunha alianza concibida como punto de encontro permanente arredor do emprendemento, a intercooperación e a innovación. A sesión servirá para inaugurar a actividade deste espazo coa xornada Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas, inserida na programación do Pont-Up e dirixida a persoas emprendedoras, grupos promotores e cooperativas de recente constitución que combinará formación práctica, presentación de recursos, traballo arredor da proposta de valor e estratexia comercial e networking.


O investimento mira cara ás startups galegas

O venres 11 a actividade trasladarase á Praza de España, onde ás 11.30 horas terá lugar a inauguración oficial e posterior visita institucional aos stands. O programa incluirá tamén o Demo-Day INCUVI, no que se presentarán proxectos participantes nos programas de emprendemento da Universidade de Vigo, e un encontro de networking baixo o título Tecendo Comunidade, concibido para favorecer relacións, colaboracións e oportunidades de negocio entre os emprendementos seleccionados.

Un dos momentos centrais volverá ser o Pont-Up Venture, que se celebrará de 17.30 a 19.00 horas na Casa das Campás. Oito startups defenderán os seus modelos de negocio ante profesionais do investimento e do venture capital, nun panel no que participan representantes de entidades vinculadas á xestión, análise ou financiamento de vehículos de investimento que no seu conxunto se sitúan arredor dos 100 millóns de euros. O obxectivo non é unicamente abrir posibilidades de financiamento, senón facilitar que empresas galegas con potencial de crecemento accedan directamente a investidores, mentores e redes especializadas capaces de acompañar a súa evolución.

A tarde do venres incorporará ademais unha presentación da nova edición do Culturgal e recuperará, despois da boa acollida da pasada edición, a Consultoría relámpago para a túa web emprendedora, organizada pola Comunidade WordPress Pontevedra. Profesionais do deseño, desenvolvemento, SEO, contidos e experiencia de usuario analizarán webs reais dos emprendementos que o soliciten e ofrecerán recomendacións prácticas para mellorar a súa eficacia comercial.

Da intelixencia artificial ao laboratorio: ferramentas para competir

A programación do sábado permitirá tomar o pulso a algúns dos grandes desafíos aos que se enfrontan actualmente empresas e persoas emprendedoras. AEMPE abrirá a xornada con IA que impulsa, seguridade que protexe, un almorzo-networking centrado en dous asuntos que xa afectan directamente á competitividade dos pequenos negocios: as aplicacións prácticas da intelixencia artificial que poden empregarse sen grandes orzamentos nin equipos técnicos e a protección fronte a fraudes, suplantacións, secuestro de contas ou vulnerabilidades relacionadas cos datos dos clientes.

Transferencia da Universidade ao tecido empresarial

A Universidade de Vigo abordará outro dos eixos que están marcando esta edición: a crecente chegada de empresas de base científica e tecnolóxica grazas á transferencia das investigacións desenvolvidas no ámbito universitario. A sesión Do laboratorio ao mercado: cando o coñecemento se converte en empresa achegará as claves para transformar os resultados dun grupo de investigación nunha spin-off e levar o coñecemento xerado na universidade ao mercado. É unha realidade que o propio proceso de selección do Pont-Up confirmou este ano coa presenza de máis proxectos de perfil tecnolóxico e spin-off, froito tamén da colaboración do encontro coas tres universidades galegas e con centros de investigación e innovación.

Como facer das vilas lugares nos que emprender e vivir

O territorio e as ferramentas para favorecer a creación e consolidación de actividade económica protagonizarán unha mesa redonda organizada pola Xunta de Galicia, que reunirá tres iniciativas complementarias de apoio ao emprendemento. A Dirección Xeral de Comerciopresentará Vilas Vivas, un proxecto de dinamización económica e social que toma Ribadavia como territorio de actuación e abre a reflexión sobre o papel do comercio, o emprendemento e as novas actividades económicas na revitalización das vilas. Unha cuestión que conecta directamente cun dos sinais máis claros detectados polo Pont-Up Store nesta convocatoria: practicamente un de cada dous proxectos seleccionados —o 47 %— procede do rural ou de pequenas vilas, cun incremento significativo das candidaturas chegadas desde Lugo e Ourense. A mesa permitirá coñecer tamén os servizos que ofrece o Igape a través da Oficina Económica de Galicia, concibida como punto único de atención e acompañamento para facilitar ás empresas e persoas emprendedoras información, asesoramento e apoio no desenvolvemento dos seus proxectos; e o Campus de Emprego Autónomo, que presentará a Secretaría Xeral de Emprego como plataforma de formación en liña orientada ás necesidades das persoas autónomas, pemes e microempresas, con contidos prácticos para mellorar a xestión e competitividade dos negocios.

O prezo invisible de emprender

O sábado abrirase ademais unha reflexión menos habitual nos foros empresariais, pero determinante para comprender as desigualdades no emprendemento: como condiciona o sistema dos coidados a creación, consolidación e crecemento das empresas lideradas por mulleres. Baixo o título «O prezo invisible de emprender.
Os coidados como desafío para o liderado empresarial das mulleres», a palestra abordará os custes dos coidados, que continúan recaendo maioritariamente sobre as mulleres e analizará como avanzar cara a modelos que permitan compatibilizalos co desenvolvemento empresarial. A cuestión cobra especial relevancia nun Pont-Up no que o 69% dos proxectos seleccionados están liderados por mulleres, pero no que a súa presenza diminúe significativamente entre as iniciativas de maior intensidade tecnolóxica e escalabilidade. Nas spin-off universitarias e startups de maior impacto, as mulleres forman parte dos equipos científicos e de desenvolvemento, pero continúan sendo minoría no liderado. Para Pedro Figueroa, «se queremos falar seriamente de emprendemento feminino, non chega con contar cantas mulleres crean empresas. Temos que preguntarnos tamén en que condicións emprenden, canto poden medrar eses proxectos e que acontece cando a responsabilidade dos coidados limita o tempo, a dispoñibilidade ou a capacidade para asumir riscos. É unha conversa que tamén ten que entrar nos espazos económicos e empresariais».

Sete demostracións para probar o emprendemento

Como é habitual, o Pont-Up volverá sacar os produtos e servizos dos stands para que o público poida experimentar directamente con eles. As sete actividades demostrativas inclúen propostas como un espectáculo de Enxame Drones; unha auditoría gratuíta de facturas eléctricas de Forest; elaboración de kombucha con Labre Gando; un escape room sensorial guiado por BeKind; un obradoiro de scrapbooking Dipinto di Blu para aprender a facer un libro con recortes e restos de pequenas cousas; un taller de xoiería de Aurarte; e as actividades musicais e de narración de Bonnie Cooper. A edición rematará o sábado coa entrega de premios, ás 14.10 horas, cunha actuación musical de Bonnie Cooper, e cun novo encontro de Tecendo Comunidade, a rede coa que o Pont-Up busca que as relacións creadas durante o evento continúen máis alá dos dous días de actividade pública.

Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará no seu stand o Té Areeiro, unha marca de té galego producida e investigada na súa Estación Fitopatolóxica ubicada en Areeiro, a través dunha charla sobre o cultivo e a preparación con degustación final.

O Pont-Up Store 2026 está dirixido e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, promovido pola Universidade de Vigo desde o Campus CREA e conta co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, ademais do apoio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Abanca e a cooperación activa de máis de 50 entidades públicas e privadas vinculadas ao ecosistema emprendedor.

O Pont-Up Store