Máis de 50 emprendementos serán seleccionados para participar na 9ª edición do Pont-Up Store

Pont-Up Store

Ata o 6 de xullo estará aberto o prazo para participar en calquera das tres modalidades: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades demostrativas dentro do programa; ou participar no talent show Pont-Up Exprés. Esta edición porá o foco na internacionalización e a sustentabilidade como vantaxes competitivas para as empresas. 

Presentouse en Pontevedra a novena edición do Pont-Up Store, o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento que do noroeste peninsular, que este ano vaise celebrar durante os días 23 e 24 de setembro na habitual carpa instalada na Praza de España, e que terá tamén un programa de actividades paralelas en diversos puntos da cidade. Na presentación participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger; o deputado de infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Gregorio Luís Agís Gómez; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco Rial; e o director do encontro, o profesor do grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa Dorrego.

O reitor da UVigo, celebrou que Pontevedra se vaia converter por novena vez na capital do emprendemento galego, e asegurou que «a Economía galega ten que sustentarse no traballo das persoas emprendedoras que crean riqueza e fan país«. Gregorio Luis Agís calificou o encontro como un evento moi motivador e un referente a nivel galego, onde «é sorprendente descubrir edición tras edición novos modelos de negocio innovadores e creativos capaces de xerar riqueza e de fortalecer un tecido empresarial que achega importantes valores e solucións á sociedade». Pola súa parte, o alcalde tamén destacou a «explosión de creatividade e innovación das iniciativas empresariais, o que demostra confianza no futuro deste país«.

Figueroa agradeceu o apoio incondicional das entidades patrocinadoras e asegurou que esta edición ten a misión de «reactivar e dar apoio ao emprendemento galego nun momento especialmente delicado para a economía, nun contexto marcado polas consecuencias da pandemia e da crise enerxética provocada polo conflicto europeo, que limita a moitas iniciativas pero que tamén abre moitas oportunidades«.
 
Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades demostrativas dentro do programa; e participar no talent show Pont-Up Exprés. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades ata o 6 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión da xunta directiva farase pública o 21 de xullo. Pode presentarse candidatura calquera emprendemento innovador e creativo, en funcionamento, con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a súa creación ou un proxecto en fase moi avanzada de desenvolvemento con prototipos de produtos/servizos e expectativas reais de lanzamento a curto prazo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto; o valor social, a sustentabilidade, a claridade e concreción, o potencial impacto económico ou social, e a capacidade de desenvolvemento futuro. En total, van ser seleccionados para participar nesta novena edición máis de 50 emprendementos.
 
O director do encontro avanzou que esta edición porá o foco na internacionalización das empresas a través de varias actividades de networking que permitirán aos emprendementos galegos conectar con emprendementos doutros países para intercambiar experiencias e know-how. A sustentabilidade será a outra gran liña de traballo do encontro, que incluirá no programa unha interesante actividade para promover a economía circular.
 
Dentro das actividades dedicadas a promover a cultura emprendedora, co apoio de Abanca e Gadis presentarase unha aplicación pensada para promover os valores do emprendemento a través dunha actividade organizada pola empresa Skeirrum mediante unha Street Escape o Escape Room ao aire libre, na que participarán equipos de alumnado de secundaria e da Universidade, co obxectivo de promover o patrimonio cultural e histórico da cidade de Pontevedra así como a cultura do emprendemento, a través dun percorrido interactivo polos puntos máis emblemáticos da cidade, nos que estarán escondidos códigos QR, que as persoas participantes terán que atopar para acceder a través deles a unha aplicación web na que encontrarán diferentes adiviñas, enigmas e probas contextualizadas na historia da cidade. O obxectivo desta actividade é adestrar ás persoas emprendedoras a superar retos e adaptarse a un mundo en constante cambio para ter éxito ao longo do seu camiño emprendedor.
 
Ademais volverán os obradoiros de R, enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás; e dentro do ámbito do emprendemento social, poderemos coñecer de primeira man o labor que desenvolve a asociación solidaria ‘Publicitarios Implicados’, nacida para dar un servizo completo de comunicación publicitaria a micro-ONGs, plataformas de afectados ou colectivos solidarios, que non poden asumir os custes dunha axencia de publicidade. Nos seus 15 anos de traxectoria, puxeron en marcha 103 campañas, conseguiron 9 premios, lograron bater 3 récords do mundo, e realizaron un traballo por valor de 50.000.000€, sen cobrar nada.

O talent show do emprendemento galego
Dentro do programa desta edición, o director do Pont-Up Store destacou o Pont-Up Exprés, o talent show do emprendemento galego, que permitirá a 10 iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro representantes de importantes empresas e entidades galegas. A finalidade desta actividade é facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego a través da presentación de 10 proxectos de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil, que se organiza en presentacións de cinco minutos de duración. Ao final da exposición de cada proxecto, as persoas escoitantes darán un feedback e farán unha valoraración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. Figueroa presentou o xurado desta edición, que estará intregrado por:

Rosa María Seoane Domínguez
Xerente de ABANCA innova e Xerente de Comunicacións. É enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Conta con máis de 20 anos de experiencia en contornas TI bancarios, coordinando proxectos de evolución tecnolóxica. Desde xaneiro de 2019 é responsable do equipo ABANCA Innova, área que lidera os procesos de innovación do banco e coordina os seus programas de emprendemento e aceleración.

Xoán Martínez Reboredo
CEO de «Kaleido, Ideas & Logistics». É licenciado en Dirección e Administración de empresas pola Universidade intercontinental da Empresa, Executive MBA por Esade. Ademais de CEO de Kaleido, tamén é o actual Presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia. Namorado das ideas, da xente con inquedanzas e de todo o complexo que pode chegar a ser o mundo.

Eva López Barrio
Coordinadora do Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres (USC). É licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior. Coordinadora do Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres (Ministerio de Igualdade – USC). Responsable do Programa Woman Emprende, Titora das Axudas Emega da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Persoa experta para o informe Gem Galicia e Gem España.
Iago González Penedo
director comercial en Disgobe. MBA en IESIDE e máster en dirección de compras . En 2012 incorporouse ao grupo HoGomar e actualmente é director Comecial en Disgobe , experto en gastronomía, con formación no CSHG ,ten unha ampla experiencia en vendas e asesoría de negocios.

Pedro Figueroa tamén falou da campaña gráfica desta edición, realizada a partir dunha creación da ilustradora galega Elga Fernández Lamas, «que soubo plasmar á perfección a diversidade e multiculturalidade que representa o Pont-Up Store, así como a enerxía e entusiasmo do emprendemento galego. Nesta edición, a conexión do evento co ámbito das artes plásticas concretarase tamén na realización dun mural na cidade de Pontevedra durante as datas cercanas á celebración do encontro, cuxo emprazamento e temática aínda terán que ser consensuados.
 
O Pont-Up Store é unha iniciativa do Grupo G4 Plus da Universidade de Vigo, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.


+info: pontupstore.com