O emprendemento galego medra da man da sustentabilidade

Pont-Up Store

O Pont-Up Store regresa en setembro á Praza de España de Pontevedra, tras un arduo traballo de selección que obrigou ao comité organizador a escoller entre 150 candidaturas recibidas. Finalmente serán perto de 40 empresas as seleccionadas para participar nesta novena edición, con emprendementos que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas, pero, sobre todo, por levar a sustentabilidade na ensecia mesma da idea de negocio.

Con respecto á procedencia, o rural galego continúa emerxendo con forza e xa supera lixeiramente ao emprendemento nas cidades; por xénero, son as mulleres as que máis emprenden; e dentro das fórmulas xurídicas escollidas polos emprendementos galegos, cotiza á alza a economía social.

O Pont-Up Store xa quece motores para regresar o 23 e 24 de setembro á cidade de Pontevedra cunha selección de emprendementos que, nunha alta porcentaxe, propoñen solucións sostibles a diferentes retos e en sectores moi diversos. En total, van participar nesta edición 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que 5 desenvolverán actividades demostrativas na carpa e 4 participarán tamén no talent show Pont-Up Exprés, ao que se sumarán outras 3 iniciativas empresariais para completar un total de 7 ideas de negocio que recibirán o feedback do xurado nesta edición.
 
O contexto no que nacen estes novos emprendementos (menos de 3 anos e medio de antigüidade) obrigounos a resistir a crise provocada pola Covid-19 ou a lidar con ela no seu arranque. Se cadra foi esa situación a que nos achega unha porcentaxe de emprendementos en ámbitos rurais que vai en aumento e que nesta edición alcanza xa un 50,51% do total fronte ao 47,47% das cidades e un 2,02% procedentes do resto do Estado. En canto á forma xurídica coa que se constitúen estes empredementos, podemos destacar un aumento constante das fórmulas de economía social, en concreto das cooperativas, que nesta edición supuxeron un 12% das solicitudes presentadas.

Consulta AQUÍ os emprendementos seleccionados

Algunhas propostas punteiras
Dentro das liñas de negocio con compromiso ambiental destaca Airco2, que se dedica a eliminar a pegada de carbono nas empresas con monte de cercanía ao tempo que permite gañar un diñeiro coa xestión das árbores. Trátase da primeira Green Fintech española que permite descarbonizar grazas a un marketplace que dá acceso a empresas e propietarios forestais. No ámbito das enxeñarías, Beniu Soluciones SL centra os  seus servizos en atender as necesidades do noso rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drons. A mobilidade eficiente volve ter o seu espazo coa proposta de 2ebike, que presentará un vehículo con múltiples aplicacións, tanto para paquetería como para persoas. Co sector dos videoxogos en plena expansión no noso país, a empresa Digital Monster dará a coñecer en Pontevedra a súa producción de videoxogos galegos e tamén servizos de outsourcing para outras empresas, realizando traballos de arte, animacións, deseño de entornos, ou advergame. En canto ao coidado persoal e das nosas mascotas, Supermenta chega cunha liña de produtos especializados feitos a base de cannabis; e Yowup innova cun iogur para gatos e cans. O sector do téxtil volve contar con moi boas iniciativas, entre as que destacamos Iniqual, por lanzar unha marca de xénero non binario especializada en roupa de confort; e Mexas, que nos trae zapatos de coiro 100% feitos a man en México con tintes vexetais. Por último, o sector da alimentación está repesentado por novos negocios que xurden para cubrir ocos que aínda contan con pouca oferta e que poñen en valor a nosa tradición gastronómica. Neste caso Vioncas Bake chega cunha liña de empanadillas Gourmet artesás, que se venden a toda España e Portugal.

Actividades demostrativas na carpa
Dentro da carpa da Praza de España programaranse demostracións dalgunhas das empresas participantes. É o caso de Bágoas Fóra, unha empresa de fabricación de material didáctico e xogos educativos que propón un obradoiro para que as crianzas entre 4 e 12 anos creen un «portalapis de madeira». A empresa especializadas en obradoiros creativos Matinée Club Creative, ensinaranos a crear un obxecto decorativo utilizando eco-resina. Casperlota Atelier – artesanía de Galicia, mostranos como elaborar unha boneca en la de ovella con técnicas de impresión botánica. A empresa de productos para mascotas DairYPet, organizará unha demostración de Agility coa colaboración do equipo de Diverticans. Poderán participar todas as persoas que asistan o evento co seus cans e cadelas, traballando de forma conxunta para demostrar as súas habilidades nun percorrido onde terán que saltar vallas, introducirse por túneles ou realizar un slálom entre conos. As mascotas gañadoras recibirán unha mostra de produto YowUp! 

O talent show do emprendemento galego
O Pont-Up Exprés permitirá a 7 iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro representantes de importantes empresas e entidades galegas. A finalidade desta actividade é facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil, que se organiza en presentacións de cinco minutos de duración. Ao final da exposición de cada proxecto, as persoas escoitantes darán un feedback e farán unha valoraración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. As empresas seleccionadas nesta edición son:

Truck Training Services é a primeira empresa en España que desenvolve software de mantemento de frotas de recollida de residuos urbanos.

Navia 3D. Desenvolve solucións visuais e interactivas basadas no 3D para a industria 4.0 e o ámbito da cultura, turismo e o patrimonio

Skeirrum. Salas de escape ao aire libre. O obxectivo é achegar aos mozos a contornas que non adoitan frecuentar utilizando como ferramenta un xogo e o seu smartphone.

Beniu soluciones SL. Empresa de servizos que utiliza técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drons.

Alén S Cooop Galega. Mellora na integración da sostibilidade nas organizacións.

Mareira Bizi S. Coop Galega. Especializada na transferencia do coñecemento científico máis actual para promover a sostibilidade do medio mariño.

Milculturas. Consultora de innovación para a xestión do patrimonio cultural

Rosa María Seoane Domínguez
Xerente de ABANCA innova e Xerente de Comunicacións. É enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Conta con máis de 20 anos de experiencia en contornas TI bancarios, coordinando proxectos de evolución tecnolóxica. Desde xaneiro de 2019 é responsable do equipo ABANCA Innova, área que lidera os procesos de innovación do banco e coordina os seus programas de emprendemento e aceleración.

Xoán Martínez Reboredo
CEO de «Kaleido, Ideas & Logistics». É licenciado en Dirección e Administración de empresas pola Universidade intercontinental da Empresa, Executive MBA por Esade. Ademais de CEO de Kaleido, tamén é o actual Presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia. Namorado das ideas, da xente con inquedanzas e de todo o complexo que pode chegar a ser o mundo.

Eva López Barrio
Coordinadora do Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres (USC). É licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior. Coordinadora do Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres (Ministerio de Igualdade – USC). Responsable do Programa Woman Emprende, Titora das Axudas Emega da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Persoa experta para o informe Gem Galicia e Gem España.
Iago González Penedo
director comercial en Disgobe. MBA en IESIDE e máster en dirección de compras . En 2012 incorporouse ao grupo HoGomar e actualmente é director Comecial en Disgobe , experto en gastronomía, con formación no CSHG ,ten unha ampla experiencia en vendas e asesoría de negocios.

Actividade na cidade
Dentro das actividades dedicadas a promover a cultura emprendedora, co apoio de Abanca e Gadis presentarase unha aplicación pensada para promover os valores do emprendemento a través dunha actividade organizada pola empresa Skeirrum mediante unha Street Escape ou Escape Room ao aire libre, na que participarán equipos de alumnado de secundaria e da Universidade, co obxectivo de promover o patrimonio cultural e histórico da cidade de Pontevedra así como a cultura do emprendemento, a través dun percorrido interactivo polos puntos máis emblemáticos da cidade, nos que estarán escondidos códigos QR, que as persoas participantes terán que atopar para acceder a través deles a unha aplicación web na que encontrarán diferentes adiviñas, enigmas e probas contextualizadas na historia da cidade. O obxectivo desta actividade é adestrar ás persoas emprendedoras a superar retos e adaptarse a un mundo en constante cambio para ter éxito ao longo do seu camiño emprendedor.
 
Ademais volverán os obradoiros de R, enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás; e dentro do ámbito do emprendemento social, poderemos coñecer de primeira man o labor que desenvolve a asociación solidaria ‘Publicitarios Implicados’, nacida para dar un servizo completo de comunicación publicitaria a micro-ONGs, plataformas de afectados ou colectivos solidarios, que non poden asumir os custes dunha axencia de publicidade. Nos seus 15 anos de traxectoria, puxeron en marcha 103 campañas, conseguiron 9 premios, lograron bater 3 récords do mundo, e realizaron un traballo por valor de 50.000.000€, sen cobrar nada.
 
 
O Pont-Up Store é unha iniciativa do Grupo G4 Plus da Universidade de Vigo, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, que representa a preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

+ info: pontupstore.com