O Pont-Up Store celebrará o seu programa presencial a próxima primavera

Pont-Up-Store

A carpa de emprendementos e actividades demostrativas da 7ª edición agardará a datas máis seguras e fixa na próxima primavera a súa celebración, sempre que a evolución da situación sanitaria o permita. Mentres, a organización traballa para transformar o exitoso talent business Pont-Up Exprés nun evento en liña que se celebrará o 19 de novembro.


Tras realizar en setembro parte do seu programa en liña, o Pont-Up Store non renuncia a levar o emprendemento galego ás rúas da cidade de Pontevedra, e manter así un dos seus principais sinais de identidade ao longo dos seus sete anos de traxectoria. Para facelo, terá que agardar a unha situación máis segura e apunta a próxima primavera como posible data para celebrar a edición presencial. A carpa instalarase como de costume na Praza de España para mostrar os emprendementos de 46 startups galegas.

Esta decisión foi tomada tras valorar a situación coas entidades que apoian o evento, que decidiron manter os apoios necesarios para financiar a continuidade das actividades deste encontro que a día de hoxe é un dos grandes referentes do ámbito do emprendemento no noroeste peninsular. En concreto, a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra manifestou o seu respaldo económico para desenvolver e reforzar o programa desta edición, e anunciou que no mes de xaneiro estudará como apoiar e desenvolver a 8º edición prevista para setembro de 2021.

O director do PONT-UP STORE, Pedro Figueroa, manifestou a necesidade de “seguir apostando por levar o emprendemento á rúa e por seguir ofrecendo apoio e visibilidade aos emprendementos galegos, que agora precisan máis que nunca do magnífico escaparate que lles ofrece o Pont-Up Store onde poden testear as súas iniciativas, ter contacto directo co público e establecer relacións con posibles proveedores e colaboradores”. Figueroa engadiu que este encontro xa tiña iniciado o camiño cara unha nova fase antes da pandemia e agora, «queremos acelerar ese proceso para facer do Pont-Up Store un contedor de accións relacionadas co ecositema emprendedor que vai programar actividades durante todo o ano«.

O Pont-Up Exprés celebrarase en liña en novembro
Figueroa avanzou que están a traballar para transformar o exitoso formato Talent BusinessPont-Up Exprés, nun evento en liña que se celebrará o vindeiro 19 de novembro entre as 19:30 e as 20:30. A sesión será retransmitida a partir dun plató virtual onde 8 startups galegas presentarán en 5 minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas. Nesta edición contarán con Margarita Hermo Figueira, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar e responsable de Relacións Institucionais da corporación empresarial conserveira Jealsa; Emilio Bruquetas Serantes, director xeral do grupo enerxético galego Reganosa Holdco; Ángel González Calvo, Presidente executivo da compañía internacional especializada en iluminación, sinalización e mobiliario urbán, SETGA que xunto coa carta escoitante, Virginia Pozo Castro, fundadora, CEO e Directora Creativa da firma de moda internacional Coosy, representan a internacionalización de empresas con base e orixe en Pontevedra. Ao igual que o ano pasado, as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das persoas escoitantes. As empresas que presentarán os seus emprendementos a este comité de expertos son THE GOOD SHOPANAINAS SKIN PEACE, VIVEGREENSERTHA SURFBOARDSSMARTWOODVERSOS DE A RUDAO GALPÓN LAB,A FACTORÍA DO LUME.

Pedro Figueroa convidou ao público a seguir esta actividade a través de internet, e lembrou que a web do encontro, totalmente renovada, está funcionando como repositorio de contidos onde é posible consultar información de todas as sesións en liña celebradas ata agora, e moita outra información de interese para os novos emprendementos.

O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co Concello de Pontevedra como patrocinador principal; e o apoio da Deputación de Pontevedra, que se xuntá á colaboración de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes sete anos foron sumando o seu respaldo ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento. 


+info: pontupstore.com